Xavier Labandeira

Catedrático de Economía

Universidade de Vigo

Director

Economics for Energy (Centro de Investigación especializado en cuestións enerxéticas)

Currículum

Catedrático de Economía na Universidade de Vigo e director de Economics for Energy, un centro privado de investigación sobre aspectos económicos da enerxía en España.

Entre 2014 e 2017 dirixiu a Florence School of Regulation Climate, dedicada ao estudo da política climática europea, no European University Institute (Florencia).

Foi autor principal do Grupo Intergobernamental de Cambio Climático da ONU (IPCC) para a elaboración do seu Quinto Informe de Avaliación (2011-2014) e forma parte do equipo de redacción do Sexto Informe (2018-2021).

A súa investigación e docencia sitúanse na fronteira entre a economía enerxética, pública e ambiental.

Publicou uns 70 artigos en revistas académicas, ao redor dun terzo con indexación. Escribiu cinco monografías e uns 30 capítulos de libro e os seus traballos presentáronse en numerosas ocasións en eventos académicos nacionais e internacionais, nos que tamén participou asiduamente como organizador e/ou membro de comités.

Dirixiu catro teses de doutoramento e supervisou 10 investigadores posdoutorais. Desde o ano 2000 foi responsable de máis de 30 proxectos de investigación competitivos financiados por institucións públicas e privadas.

A súa docencia desenvolveuse en grao e posgrao e coordinou entre 2008 e 2014 un título oficial de posgrao sobre xestión empresarial ambiental.

Por último, exerceu diversos cargos de xestión universitaria procurando sempre que o seu traballo fose útil (transferencia) tanto para o sector público como para empresas e outras entidades sociais.