Introdución e benvida de Ernesto Pedrosa Silva, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo

 

Ernesto Pedrosa

A filantropía é unha actividade que está unida ao xénero humano desde que este dá os seus primeiros pasos. Na actualidade está a gañar adeptos no mundo e non é raro ler ou ver noticias que confirman este dato. As persoas máis ricas están en situación de favorecer a sociedade devolvéndolle o que esta lles ofreceu nun determinado momento. Existen exemplos que todas e todos coñecemos. Fálase da diferenza existente entre os países de cultura anglosaxoa-protestante e os de cultura latina-católica como a marca indeleble que observa maneiras distintas de entender a función filantrópica. Mais o feito de doar ten que ver coa xenerosidade do ser humano, independentemente dos lugares onde se viva e das relixións que se profesen.

A quinta edición destas xornadas que celebraremos os días 9 e 10 de maio do ano actual organizadas polo Consello Social da Universidade de Vigo e que responden ao título O exercicio de doar á universidade en nove visións: axudas legais, axudas fiscais, axudas de comunicación, permitirán debater o uso da filantropía no ámbito universitario nos aspectos máis visibles no exercicio da doazón. A quen doe débeselle facilitar o labor. Quen desexe doar á universidade terá todo tipo de facilidades para facelo aclarando as axudas fiscais, legais e de comunicación. Recibir recursos para a investigación, para a innovación ou para acceder á educación superior por alguén externo ao noso ecosistema non é sempre un exercicio de fácil resolución nas universidades públicas españolas e, se a isto lle engadimos os efectos dunha crise económica potente, teremos que esforzarnos para ser proactivos na procura de solucións.

O cadro de persoal de especialistas que compoñen este programa é amplo e achegará, ademais de coñecemento, experiencia na xestión. Por iso, destes dous días de intenso traballo sairán ideas novas para seguir o camiño aquí trazado ou para buscar outro que teña o mesmo obxectivo: o desenvolvemento do mecenado como ferramenta que axude a potenciar o coñecemento. É volver á etimoloxía da filantropía. A orixe do debate.

Grazas!

Puidemos asumir este reto coa axuda da Conferencia de Consellos Sociais, presidida por Antonio Abril Abadín e grazas ao decidido apoio do reitor Manuel Reigosa, o equipo de goberno e o resto de membros da Universidade de Vigo.

Non podemos esquecer a colaboración da Fundación Barrié, que nos acolle na súa casa da cidade de Vigo para celebrar estas V Xornadas.